jueves, noviembre 16, 2006

Templa-lo corazón con pico e barrena (II)

Son moitas as fotografías que unha pode publicar sobre as minas do Cerro Rico, así que non deixarei pasa-la oportunidade...

-Instantánea dun mineiro en pleno traballo, ó escoita-las nosas voces nese mesmo intre decidiu asomarse polo chamados “cuadros”.









-Veta de prata, os mineiros lles chaman veas do Cerro Rico e soen segui-la súa circulación para explotala ata esgotala.













-Prata extraída do cerro, xa non está en estado puro pero aínda en fase temperá.


-Tío Jorgito, protector dos bens da Pachamama. Na imaxe pode observarse as múltiples ofrendas que recibe, coca, alcohol, e outros agasallos.

martes, noviembre 14, 2006

Templa-lo corazón con pico e barrena

Por mor dunha imposibilidade para describir fielmente a magnitude da importancia do Cerro Rico en Potosí, desta vez teño que comezar concluíndo que o de “valer un Potosí” non é un frase calquera, que tras ela hai todo un significado máis que impactante...

A pesares de que estas terras do altiplano eran coñecidas pola poboación indíxena máis próxima, a fermosa cidade de Potosí non naceu ata o ano 1545. A chegada dos españois e comezo da explotación da prata que no grande cerro había foi o motivo principal da fundación da mesma, e dende entón ata a actualidade, o empobrecido rico Potosí vive do mineral extraído da Pachamama (terra nas crenzas indíxenas)

Potosí foi sen dúbida unha das grandes cidades da modernidade, so a incomparable París podía seguir o ritmo trepidante que na fría urbe do altiplano estábase a vivir, pois ela era cosmopolita, era saída e meta dos máis emprendedores, era berce de riqueza e ledicia, Potosí, valía entón un Potosí:

“…Este cerro es conocidísimo entre mil hubiera… es como el centro de todas las Indias, fin y paradero de los que ellas venimos. Quien no ha visto Potosí no ha visto las India. Es la riqueza del mundo. Es la riqueza del mundo, terror del Turco, freno de los enemigos de la fe y del nombre de los españoles, asombro de los herejes, silencio de las bárbaras naciones… Con la riqueza que ha salido de Potosí, Italia, Francia, Flandes y Alemania son ricas, y hasta el Turco tiene en su Tesoro barras de Potosí, y teme al señor de este cerro en cuyos reinos corre aquella moneda…”

O de Potosí non é o único caso en Bolivia, en xeral, todo o altiplano atópase sembrado de centros mineiros, uns xa explotados e esquecidos, e agora reconvertidos en cemiterios de ferrocarrís, e os que non, retoman a súa actividade unicamente por curtos ciclos de tempo. Seica agora a prosperidade está no Oriente, na famosa Santa Cruz “independente”, pero o altiplano boliviano continua na súa teima de saír adiante, pois incriblemente o recordo do Potosí moderno, cando era unha das grandes cidades da época, aínda perdura no sentir dos seus habitantes.

Todo o que se relacione co asunto da minería e moi polémico, e as negociacións coas cooperativas cando hai reformas son sempre de alto voltaxe, intensas horas de charlas e de bloqueos absolutamente xerais con explosión de dinamita nas mesmas rúas incluído. Nada desexable ver a un país en constante convulsión e que os bloqueos extremos sexan os máis efectivos, pero as condicións coloniais polas que practicamente se seguen a rexer, cunha vida de baixa calidade (esperanza de vida non superior ós 50 anos) e unha situación laboral precaria (salarios escasos e excesivos riscos para a saúde), dos mineiros en Bolivia, non é para menos.

Hai dúas semanas subín as minas do Cerro Rico, ben preparada co buzo e casco entrei polas fría bocamina de San Miguel e saín pola bocamina La Poderosa, o descenso total foi de catro niveis. A experiencia no interior das minas foi absolutamente reveladora, pois o contacto con ela, coa dureza da súa intensa oscuridade pode achegarte a comprender mellor o pensamento do ben sacrificado mineiro.

As distintas cooperativas que teñen adquiridos dereitos sobre as distintas vetas atopadas teñen o seu grupo de traballo ben dividido nas tarefas necesarias a desenvolver, os dinamiteiros, os distintos perforadores que están na parede onde hai mineral, os que cargan mina arriba, os que fan unha primeira escolma etc. A rutina diaria comeza coa mesma alba e termina coa marcha do sol, cun só descanso dunha hora para almorzar. Antes de chegar á mina, é usual facerse co material necesario para ó día no mesmo mercado mineiro. Entre os cartuchos de dinamita sempre hai unha bolsiña de coca para mascar, e alcohol puro para beber durante o día. A coca calma a fame, e o alcohol embriaga o sufrimento.

Con respecto desto último, tanto a coca como alcohol serven tamén para facer a ofrenda ó Tío (protector dos bens naturais da terra) e a Pachamama. É fundamental facer este ritual antes de comezar o traballo. Ofrécese coca, alcohol e máis pitillos ó Tío Jorgito e a Pachamamita (como lle chaman docemente os mineiros) co fin de renova-lo respecto que lles teñen e tamén para que non se revelen contra eles mesmos e poda ocorrer algunha desgracia. Como anécdota, se un mineiro no interior da mina ve unha muller, sae correndo. A elas se lles está totalmente vetada a entrada, pois existe a crenza de que o Tío pode quedar namorado delas, o que causaría os celos da Pachamama, e o enfado da Nai Terra pode supor unha terrible catástrofe na mina, derrubes, caídas mortais, etc. Certamente, prefiren non correr o risco. Sen embargo, ás veces o riscos veñen por outra banda, son as borracheiras dos traballadores no interior da mesma mina, cando ó final do día ou da semana celebran e toman os seus traguiños co Tío Jorgito en agradecemento á súa protección.

-“...Soy el rico Potosí, del mundo soy el tesoro, el rey de todos los montes y la envidia de los reyes...” (Divisa do primeiro escudo de armas da cidade, concedido por Carlos V)








-Vista panorámica dende o Cerro Rico do asentamento mineiro de Pailaviri, onde as condicións de vida son sumamente precarias.















-Detalle da bocamina de San Miguel, o aspecto e descoido desta entrada indica o que pode atoparse no interior. Na parede esquerda pode observarse restos de sangue de llama, froito dos sacrificios anuais na ofrenda de carnaval.










-Como está permitido o acceso nalgunhas minas para persoal non mineiro, esta foto non corresponde á traballadores da mina, pero sí permite ve-la dificultade dos camiños por dentro do Cerro.

jueves, octubre 19, 2006

100% gastronómico

Para rematar con esta sesión fotográfica quixera amosar algúns dos miles de productos típicos que aquí se poden degustar.

O ají é un dos múltiples tipos de pementos picantes que en Bolivia resultan imprescindibles para acompañar, ben ó natural, ben en mollo, a tódolos pratos de comida, sexan carnes, verduras ou sopas.



Mate de coca, bo remedio natural para soporta-lo "surujchi" ou mal de altura dito en quechua, pero tamén é un bo calmante estomacal se un decide pasarse co ají.



Brochetas de carne de res e unha cunca de locoto, outro tipo de pemento, este é especialmente picante.



É obvio que a pizza non é orixinaria de Bolivia, pero esta pizza é de charque, un plato de carne en tiras con ovo, moi potosino.

200% natural

Vai a segunda dose de paisaxes bolivianas:

Llamas pastando no cerro que leva á lagoa de San Sebastián. Por estrano que pareza a carne de llama non é a comida máis típica, de feito, é practicamente unha incorporación de hai uns anos.






Dúas fotografías da Cova do Diaño na estrada que vai dende Potosí á Oruro. Como ámbolos dous son departamentos mineiros por excelencia, conformouse hai séculos unha senda moi percorrida, na que a lenda conta que cando o diaño enoxábase facía que as paredes do cañón se pecharan, atrapando así ós mineiros dentro.





Poboación de Yocalla, ó baixar uns cantos metros dende o altiplano podes atopar un fermoso val verde, inusual entre tanta paisaxe desértica.









100% natural

Bolivia é un país fermoso e diverso, Bolivia é un paraíso natural onde o oxixenado altiplano, os quediños vales, o rico oriente e a espectacular amazonía conviven baixo o mesmo teito sen sospeitar que o fan. O resultado, unha combinación absolutamente incrible de paisaxes, todos e cada un deles cunha riqueza que supera todo canto se poda ver na nosa curta vida. Aínda que Félix Rodríguez de la Fuente, os bosques europeos e as rías galegas están sempre presentes no meu corazón, vivir neste continente e coñecer as súas montañas e lagoas, é dicir, vincularte con esta natureza, pode resultar unha experiencia transcendental para o espírito.

As boas sensacións que espero produzan estas palabras rematan de súpeto en canto unha se para a meditar que no mundo no que vivimos ser unha potencia en recursos naturais case é a fórmula máxica para converterse, despois de Haití, no país coa segunda renta per cápita máis baixa de Latinoamérica. Aforrando malas interpretacións, non quixera que tras esta afirmación se asome un desexo inexistente de que países con recursos escasos padezan o que Bolivia leva sufrindo anos para saír adiante.

A pólvora xa foi descuberta hai séculos, así que se escribo sobre a desigualdade e sobre o abuso no mundo non será unha novidade, tampouco o será se atribúo parte da responsabilidade do problema ó Hemisferio Norte, ¿non? Pois si e non, de novo a petulancia do chamados “países desenvolvidos” favorece a incomunicación cos demais, porque ata para botarnos á culpa queremos te-la razón. Se preguntas a calquera boliviano explicarache unha concepción totalmente distinta do reparto de responsabilidades na problemática do seu país, é máis, asumen moita parte no asunto, eles mesmos pensan que sempre serán incapaces de cambia-la situación. Sinceramente, nin tanto nin tan pouco. ¿Quén ten a razón? Nós, eles, todos. Non importa, máis ou menos todos estamos acertados, pois por moi subxectivas que sexan as opinións, dos sentimentos humanos sempre se desprenden verdades reveladoras ás que debemos atender.

¿É cómo podemos explicar o terrible desequilibrio mundial? Non son a primeira nin a última que reflexiona sobre o asunto, pero sempre que comezo a pensar nestes temas procuro lembra-la ensinanza obtida da análise histórica, a mesma que explica as relacións humanas a partires dunha multiplicidade causal que derivan en moi diversas consecuencias. É dicir, que os parámetros nos que as accións humanas se moven son tan complexos que explicar cun sola sentencia cál é o motivo verdadeiro da inxustiza social é un imposible.

Porque as nosas mentes tenden a facer máis complexa a vida do que xa o é, unha pode pasar de desfrutar describindo fermosas paisaxes bolivianas pero rapidamente pasar á envelenarse coa política e entristecerse coa realidade mundial. Para esta parte final disciplinarei a tendencia humana a ser negativo e intentarei proporcionar un pouco de paz e sosego directamente chegados da Nai Natureza.

A seguinte mostra é unha combinación de fotografías do sur do país, a franxa xeográfica entre Sucre e Potosí, a mesma que sube ó altiplano andino.

Caudal seco do río que cruza o pobo chuquisaqueño de Yotala.








Antiga fronteira entre Chuquisaca (departamento do que é capital Sucre) e Potosí. Ponte que está nos proxectos do PRAHP como recuperable.








Típicos cactus xigantes do sur boliviano.








Lagoa de San Sebastián, pertencente ó complexo de lagoas de Kari Kari. No século XVII se construiron estes embalses artificiais para levar auga ós inxenios mineiros que trataban a prata e outros minerais.

viernes, octubre 06, 2006

Adobe e cal ( III e fin)

Esta será a última, que non a derradeira, aportación á análise arquitectónica potosina.
Inxenio de San Marcos, este inxenio mineiro para o proceso do beneficio da prata foi empregado durante a colonia, e do estaño durante a segunda metade do século XIX e gran parte do XX. Foi propiedade da “Condesa de la Real Casa de la Moneda” Tiña unha capacidade de producción de 119 kilos de prata ó mes. É foi o único inxenio mineiro que contaba cunha roda xigantesca de 6 metros de diámetro, reconstruída xunto co sistema de moenda de almadenetas. A primeira fotografía amosa o estado no que se atopaba antes da restauración, a segunda presenta parte da maquinaria empregada e a última o inxenio tra-la restauración.





Adobe e cal ( II )


Nesta segunda parte quero amosar algunhas fotografías que serán bastante ilustrativas:



Torre da Compañía de Xesús, entre 1581 e 1590 construíse a primeira igrexa, tra-lo derrube de 1599, reconstruíuse en 1701-1707 polo indíxena Sebastián de la Cruz, tanto a fachada como a torre espadaña, polo indíxena Sebastián de la Cruz. A última rehabilitación foi levada a cabo polo PRAHP no ano 2000.





A Santa Basílica Catedral de Potosí, a primeira construcción, a chamada Igrexa Matriz iniciada en 1572, era orixinalmente de adobe. Fatidicamente derrubouse en 1807. A actual catedral, ocupa o mesmo espacio que a precedente e foi obra do Arquitecto Manuel de Sanahuja, iniciada en 1808 e inaugurándose en 1836. Este magnífico templo, está considerado como un dos mellores exemplos das grandes catedrais latinoamericanas. Na actualidade está en proceso de restauración polo PRAHP. A primeira é unha imaxe de principios do século XX e a segunda é actual, pero anterior ó inicio da restauración no 2005.

domingo, septiembre 24, 2006

Adobe e cal

Despois de catrocentos anos de inventar e reinventar os mil e un modos de construír da forma máis moderna e mellor, resulta que o humilde señor adobe e a sinxela señora cal, empregados para o levantamento de edificios no Potosí colonial, aínda que non exclusivamente, volven a ser reclamo de arquitectos e constructores como elementos fundamentais dunha edificación de máxima calidade, vaia, óptima por dicilo nunha palabra.

Pois si, o adobe é resistente coma el soliño, é barato e tamén sinxelo de manter, pola outra banda a cal deixa respirar os muros, evitando á súa vez a producción de humidade. Se cadra estes datos poden parecer informacións menores, de escaso interese no eido da cooperación e o desenrolo, e máis parece que levar un mes traballando con arquitectos está deixando pegada en min. Sen embargo, poderíamos conta-la cantidade de veces -moitas- nas que proxectos de construcción de fogares, ou de mellora da habitabilidade acaban en terrible fracaso, ben por non atender ás necesidades reais da poboación, ben por empregar materiais que nada teñen que ver coa xeografía e condicións de vida do lugar.

Os obxectivos xerais e específicos da cooperación española con respecto ó Patrimonio Cultural son:
“Loita contra a pobreza e mellora da calidade de vida a través da recuperación, posta en valor e xestión sostible do Patrimonio Cultural. Rehabilitación, conservación e posta en valor do Patrimonio Cultural Tanxible e Intanxible das áreas onde intervén para proxecta-lo como medio de desenrolo das sociedades depositarias do mesmo”

As líneas de actuación da mesma son, as Escolas Taller (ou formación ocupacional en oficios relacionados coa conservación e restauración do Patrimonio Cultural, no rescate de mozos de escasos recursos e sen acceso á educación formal), Plans de Rehabilitación das Áreas Históricas, -aclaro novamente que no de Potosí, PRAHP, traballo eu, (son oficiñas técnicas de apoio ás institucións locais para a posta en valor e xestión sostible do Patrimonio Cultural, Centros Históricos ou Áreas Patrimoniais, realizando actividades como: Plans Mestres, redacción de proxectos e supervisión de obras de rehabilitación e espacios públicos, plans de mellora de vivenda e imaxe urbán, así como campañas de sensibilización e educación patrimonial) e Proxectos Pilotos (rehabilitación de inmobles e espacios públicos singulares derivados da planificación e estudo das necesidades das poboacións intervidas.

A continuación algúns dos proxectos que foron ou se están levando a cabo polo PRAHP:diagnóstico do centro histórico da cidade de Potosí,regulamento de preservación das Áreas Históricas de Potosí, inventario dos bens inmobles, Plan de Mellora da imaxe urbán e vivenda en colaboración coa Junta de Andalucía, elaboración do proxecto e supervisión das obras de rehabilitación de:
-Teatro Omiste
-Inxenio San Marcos
-Nave da Compañía de Xesús
-Templo da Merced
-Colexio Santa Rosa
-Pavillón dos Oficiais Reais
-Catedral de Potosí
-Colexio Industrial Pichincha
-Hotel IV Centenario
-Redacción do Plan Mestre do Centro Histórico e da Ribeira dos Inxenios

jueves, septiembre 21, 2006

“Novas imaxes valen máis que mil palabras”

O xoves pasado foi 21 de septembro, comezou a primavera en Bolivia (ainda que non teña pensado facer parada en Potosí), e tamén foi o Día do Amor. Bonecos, tartas, flores e felicitacións foron dun lado para o outro, incluso no traballo fixemos o xogo do amigo invisible.
Ademáis do Día da Primavera e do Amor, foi tamén o do Amigo, o do Estudante e tamén, por estrano que pareza, o do Médico. Así que para celebrar tantos e diversos acontecimientos, para os cales estiveron preparándose todo o mes, quero amosar novas fotografías de Potosí.
Esta é unha composición de panorámicas da cidade, das súas rúas e da súa xente.
¡¡Feliz Mes do Amor!!

A beleza do Cerro Rico pode observarse dende todolos puntos da cidade.



Folga da cooperativa mineira. Estiveron apostados diante do concello tres días.



Vista panorámica dunha das moitas instalacións onde preparan o mineral, extraido do cerro, antes de ser exportado.



Varias imaxes do ritmo diario en Potosí.A rúa Linares e a Praza 10 de Novembro.



“Allá donde fueres, haz lo que vieres” ( I )

Guiada de novo polo refraneiro, e afeita xa totalmente á vida de Potosí, esta semana decidinme a escribir sobre o día a día da cidade andina, o único que espero é non presentar un maremagno de rutinas e actitudes imposible de entender.

Non foi difícil tomarlle ó pulso o ritmo diario, o meu horario de traballo en Bolivia non é diferente ó de calquera potosino, (8:30-12:00 / 14:00-18:30). Sen embargo, durante un tempo, cando saía da casa camiño do PRAHP tiña a sensación de que toda a cidade levaba desperta varias horas xa, sorprendida miraba para a xente porque non atopaba caras de sono por ningures. Cos días fun dándome conta que a miña impresión era real, Potosí está en movemento dende antes das 6 da mañá e a pleno rendemento sen importar que sexa martes ou domingo. Estando este último reservado rigurosamente a pasa-lo coa familia, comendo e tomando, de feito, tomando tan en exceso que é unha preocupación xeral no país, pero que xa vén de hai séculos chamarlle ó luns “San Lunes”¸ polo que supón de recuperación económica despois dos gastos en festa.

Unha vez que comprendes que as horas de luz son poucas, o mellor é apotosinar os horarios laborais, os de descanso e tamén os gastronómicos. Sobre estes últimos non convén confiar moito no teu apetito, pois a altura ademáis de complica-la chegada do oxíxeno ó teu cerebro, complica gravemente as dixestións. “Ají”, “locoto”, ou “yajua”, estas son as -extremadamente picantes- salsas que se poñen en tódolos pratos, entrantes e pastas, ou sopas e carnes, da igual, para Bolivia é tan necesario coma o aire que respiras.

Outra cuestión por salientar é o do terrible frío do altiplano, que é todo o ano, non hai tregua nin un mes, así que en Potosí convén poñerse varias capas de roupa e aguantar coma sexa. As terribles carencias de infraestructuras que Bolivia padece, non facilita nin o ora nin o labora, así que traballar co abrigo posto e argallar mil e un inventos para soporta-lo frío é o máis común.

Os bolivianos son xente moi traballadora, cun sentido da responsabilidade enorme, e moi conscientes da importancia da afabilidade nas relacións cos compañeiros de traballo, (“Buen día Doña Delia. Buen día Don Edgar, ¿cómo le va?”). Dentro do panorama laboral, é certo tamén que sufren contratos moi estrictos, con claúsulas irrazonables, como non ter vacacións, nin días de permiso, salarios baixos, horas extra non pagadas, etc. E sen entrar na delicada cuestión do traballo infantil, na rúa coma limpabotas, vendedores ambulantes, e tamén os nenos das minas para o caso do Potosí. Moi recomendable é a película documental “The Devil´s Miners” dos directores Richard Ladkani e Kiev Dadvison, que non foi emitida en Potosí, só en Cochabamba (Bolivia), tanto por respecto ós pequenos protagonistas, e se cadra polo tipo de acollida que tería unha reportaxe deste tipo.

Non obstante, e nun intento por transforma-las abusos soportados, Bolivia é rebelde, maniféstase e loita por mellora-las súas vidas, non chega coas eleccións, así que recurren ós bloqueos, ós paros civís, etc. O pacifismo non caracteriza a estas manifestacións, non hai tampoco moitas posibilidades de escoller se acodes á folga se o teu departamento ou cooperativa así o decide, pero o certo é que sempre hai un elevado grado de eficacia nos resultados obtidos. A semana pasada as cooperativas mineiras de Potosí paralizaron a cidade tres días, apostados nos xardíns do Parque 10 de Novembro, diante da alcaldía, e a base de combinar explosión de dinamita (nas tendiñas mineiras é legal mercala) con negociacións en La Paz, conseguiron traer a tres ministros e a rebaixa dos seus impostos á Seguridade Social.

Antes de rematar quixera mencionar de novo a calidez dos bolivianos, no trato e nos feitos, pero tamén do agradable do nivel dos seus decibelios, creo que é moito o que berramos nós, tal vez reduciríamos o estrés se nos comunicasemos tan docemente coma eles...

martes, septiembre 12, 2006

A Humanidade é o que ten

Xa levo unha semana traballando en Potosí, e creo que ademáis de escribir sobre a labor do PRAHP, sobre o que aquí desempeño, ou mesmo sobre as miñas impresións do país, creo tamén que é xusto que describa con sinceridade as sensacións primeiras dunha primeriza cooperante.[1]* Ben sei que non todos sentimos do mesmo xeito, polo tanto, as seguintes reflexións son puramente persoais.

No meu caso, son varias as fases polas que pasei en poucos días, e non precisamente dunha e unha, senón que todas dunha vez. O festival de sentimentos dos quince anos volveu e pisou fondo.

Fóra do pracer do traballo e de estar nun programa de cooperación, fóra de todo iso, hai momentos nos que o cambio total de vida, de referentes e valores, de costumes e rutinas fixéronme sentir máis que perdida, sola e incluso inadaptada. E noutros, feliz de deixar todo atrás e sentir que podes sentir doutro modo.

Os sentimentos foron, (e ás veces aínda son), tan contradictorios que fartáste da polarización das túas ideas, e mesmo podes chegar a acabar coa condescendencia que todos nos temos a nós mesmos.

Un exemplo clarificador: xa non quería ver tanto logo "pijo" en bolsos e vaqueiros e agora ando chorando por un edredón nórdico (en Potosí lle chega ben o frío, creo que está a piques de nevar) ou por unha tabletiña de chocolate nestlè.

No meu modo de ve-las cousas, esta experiencia vai máis alá do consciente, neste so queda o bo rollo que che produce estar facendo o que fas e saber que podes cambia-lo inxusto panorama, desfrutar viaxando polo mundo, coñecer a xente nova e compartir información (a verdade é que estou todo o día curioseando sobre Bolivia), etc.

Pero a nivel inconsciente non importa a vida que un leve en Europa. Non se trata de a maior austeridade, máis preparación para o impacto que levas ó chegar. Non é cuestión do moi concienzado que esteas cos problemas do mundo, non chega con leer prensa independente ou ser socio dunha ONG. A cousa non vai tampouco pola vía do exótico, é dicir, de tradicións diferentes que che poden sorprender e incluso querer exporta-los no teu viaxe de regreso.

Entón, ¿a que veu tanta contradicción emocional?

A resposta obtívena o venres pasado, falando cun compañeiro de traballo. El é boliviano, pero estudiou a especialidade da carreira de arquitectura durante un ano en Barcelona. Foi para él unha boa experiencia, pero tamén me comentou a horrible impresión que tivo durante as primeiras semanas en Europa. Sentíase solo, máis que perdido, e incluso inadaptado. Por entón, él xa era consciente das necesidades do seu país, e das comodidades do noso continente, pero nada diso lle valía á hora de calma-lo desacougo que lle producía estar alí, el non encaixaba naquel estilo de vida.

Todo é máis sinxelo que ter conciencia social no lado dos favorecidos, ou anhelar unha vida mellor no lado dos desfavorecidos. En definitiva, estar fóra, lonxe, apartado e por moito tempo do que coñeciches dende a túa nenez fai que todo che encante e nada che guste nun mesmo intre.

¡As paixóns! A humanidade é o que ten.

PD: Son FELIZ en Bolivia pero estou pasando moito frío...



[1]* Non é unha análise do traballo dun cooperante.